Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

STEWARD COMMUNITY WOODLAND

www.stewardwood.org
+44 (0) 8454581926

Na cidade de Exeter tomei un bus cara Moretonhampstead, dende onde tiña escritas as indicacións pra chegar ao meu sexto e derradeiro destino en Inglaterra. Ao pouco de saír de Exeter, o bus enfilou unha estrada estreita e chea de curvas e costas que discorría entre pastos e bosques, adentrándose no habitado Parque Natural de Dartmoor (Devon). Vamos, como se estivese nalgunha paraxe da Galiza rural. Tras unha camiñata de vinte minutos, cheguei ao aparcadoiro da comunidade, onde remata o acceso pra vehículos. Outros tres minutiños por un camiño levoume á zona do asentamento, onde se reparten as estructuras que sirven de vivendas persoais e espacios comunais.

Trátase dun proxecto creado coa intención de amosar o valor de integrar técnicas de conservación na xestión dun bosque, co cultivo orgánico, as habilidades e artesanías tradicionais, e un estilo de vida sostible con baixo impacto ambiental. Na súa web figuran os seguintes obxectivos:

• Estimulando a rexeneración natural de bosques descoidados e novas prantacións axeitadas, restauraremos áreas degradadas pola prantación de coníferas e especies invasivas.
• Incrementando as oportunidades pra o acceso, recreación, turismo e educación, promoveremos un maior entendemento, implicación e disfrute do bosque, da súa vida salvaxe e da súa xestión.
• Utilizando principios de deseño de permacultura, levaremos a cabo solucións medioambientais e un desenvolvemento sostible con baixo impacto.
• Establecendo hortas, produciremos comida orgánica, combustibles renovables, herbas medicinais e outros productos útiles.
• Provendo novos hábitats pra a vida salvaxe, restauraremos unha comunidade de animais e prantas diversa e característica.
• Suministrando productos sostibles pra as necesidades locais, axudaremos ao medio ambiente e á economía rural local.

Esta comunidade está xestionada legalmente por unha cooperativa de traballador*s, creada pra alentar e concienciar sobre solucións ambientais mediante exemplos dun uso sostible da terra. Actualmente viven 10 adult*s e 6 nen*s (non escolarizad*s). A maioría del*s teñen traballos a tempo parcial fóra da comunidade.

O grupo inicial xuntouse en 1997, cando varias persoas activas en campañas medioambientais e de xustiza social sentían que non querían pasar as súas vidas berrando contra o que estaba mal no mundo, senón realmente levar á práctica o promulgado e vivir de xeito sostible. Tras desbotar mercar terras con edificios xa construídos polo seu prezo prohibitivo, centráronse en atopar terra con permiso de planificación. Finalmente deron co seu actual emprazamento, visitando mentres tanto outras comunidades e adquirindo experiencia. Dende o establecemento aquí en 2000, estiveron ocupad*s en facer unha solicitude de planificación do proxecto, cultivar alimentos, construír estructuras comunais e vivendas persoais, traballar fóra, instalar sistemas pra proverse de enerxía, e reunirse co vecindario. Tamén estiveron examinando a terra e a súa vida salvaxe pra o seu plan de acción de mantemento e biodiversidade, e pra o deseño de permacultura a longo termo.

Todas as estructuras están feitas con troncos de árbores, materiais reciclados e toldos impermeables da mesma cor, o que as fai integrarse no entorno. Cada familia ou persoa individual conta cunha vivenda propia (ver fotos do interior e exterior dunha delas). Entre as estructuras comunais figura a cociña-comedor na que estivemos traballando na súa ampliación para contar con espacios para acoller a grupos e impartir cursos. Outras estructuras son os dous wc-compost, o obradoiro-almacén de ferramentas e a futura casa de duchas e sauna, polo que recurrín á ducha pública dunha granxa-cámping dos arredores, cousa que fixen moi de vez en cando...

O baixo consumo de electricidade fai que sexan autosuficientes en canto á enerxía que producen de xeito autónomo mediante un sistema mini-hidroeléctrico e paneis solares. Con esa enerxía abastécese a iluminación das vivendas, a recarga de baterías e os ordenadores portátiles.

A dieta común -e filosofía de vida- é vegana, aínda que non todos os membros son 100% veganos. O veganismo implica non consumir nin utilizar na vida diaria productos derivados de animais, como son os propios animais en si (carne, peixe, aves...), o leite, os ovos, o mel, o coiro, a lá, etc. Ao seu cargo só teñen cans. Foi a miña primeira vez en comer case exclusivamente comidas veganas durante dúas semanas seguidas.

Outra cuestión salientable é a súa web, que contén máis de 150 páxinas cunha ampla gama de recursos e información sobre moitos aspectos do proxecto, a comunidade, o bosque e a planificación. A web está creada e mantida por membros da comunidade usando ordenadores portátiles alimentados con sistemas de enerxías renovables. Entre esa información figuran guías “faino ti mesm*”, sendo toda ela anti-copyright, libremente reproducible sen fins comerciais.

No ano 2000 presentaron unha solicitude de planificación para o “desenvolvemento sostible e con baixo impacto ambiental asociado a unha iniciativa agrícola/forestal incorporando elementos residenciais e educacionais”. Tras varios rexeitamentos e ser instad*s a abandoar as terras, en 2002 obtiveron o primeiro permiso temporal, habilitándolles por 5 anos, prazo que expira no verán de 2007, polo que teñen que presentar unha nova solicitude que lles permita continuar co proxecto.

Nesta comunidade sostenibilidade significa, en termos prácticos, pensar máis sobre as consecuencias das nosas accións e facer cambios para evitar a degradación da sociedade e o medio ambiente. “Facendo iso temos o obxectivo de asegurar que o medio ambiente e os seus seres vivos non se esgoten o día de mañá. Nembargantes, a sostenibilidade non pode ser alcanzada ailladamente, senón que un futuro sostible só pode ser alcanzado coa cooperación de tod*s.”

Como proxecto aberto ao exterior e con fins educacionais, acollen voluntari*s, ofrecen visitas guiadas e charlas a grupos e escolas, e realizan exhibicións en eventos externos. No verán imparten cursos de permacultura e da faceta da permacultura sobre o coidado da xente.

Alí coincidín con outr*s voluntari*s (Emma, Josh, Kate e Yuri), cos/coas que fixen boas migas. O traballo compartido incluíu recontar e reprantar carballos, ampliar a estructura común principal, cortar leña e loureiras ou transportar mercancías do aparcadoiro ao asentamento e viceversa. As comidas faciámolas conxuntas con parte dos membros permanentes. A cociña e a calefacción funcionan exclusivamente a base de leña.

Un sistema de conductos e depósitos aproveita o funcionamento e quencemento da cociña para quentar e almacenar auga, canalizada finalmente á billa do fregadoiro.

A tenda onde estiven aloxado consistía nunha armazón de palos de madeira recuberta por un toldo impermeable (ver fotos).

O mediano pobo de Moretonhampstead conta cunha interesante vida social e cultural, polo menos foi a impresión que me levei desas dúas semanas, xa que nelas puiden asistir a unha charla-pase de vídeo, unha obra de teatro e unha xuntanza de ioga con cánticos, música e comida compartida. Todas estas actividades tiñan relación con dous membros da comunidade.

Nunha serie de cidades e pobos estase dando o fenómeno no que a sociedade civil se xunta pra falar sobre o fin da era do petróleo, xa que segundo algúns/has expert*s actualmente xa estariamos no intre cumio da producción de petróleo, polo que a partir de agora iría a menos. Pois ben, esas iniciativas pretenden adiantarse a ese intre, prevendo as consecuencias e replaneando o estilo de vida actual tan dependente de combustibles fósiles e prexudicial co planeta. Un deses lugares é Totnes e outra web interesante é esta. Algún dos membros de Steward está involucrado no impulso destas iniciativas a nivel local.

Hai acceso a teléfono e, en canto a internet, é posible conectar un ordenador portátil, pedir permiso nas vivendas persoais ou acudir á biblioteca do pobo.

Ao igual que noutros destinos ingleses, desta vez foron helicópteros militares os que surcaban ruidosamente o ceo.

Como comento no artigo sobre impresións xerais, aquí disfrutei coa lectura de New Internationalist.

Trátase, en definitiva, dunha comunidade de baixísimo impacto ambiental situada nunha fermosa ubicación, en plena natureza, onde esquecerse do ritmo e os “luxos” da cidade.


BUS: Moretonhampstead (dende Exeter)

ESTANCIA: 13-27 novembro’06

Membro WWOOF. Aparece en Eurotopia

Enlace a FOTOS

Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 99 Lecturas

Comentarios

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com