www.oldhall.org.uk
+44 (0) 1206298045 / 1206298294
En 1974 comeza a historia desta comunidade, cando un grupo de –orixinalmente- “socialistas de clase media” mercan o que previamente fora casa solariega, convento de monxas e, xusto antes, de frades franciscáns. Unhas 60 persoas conviven nesta propiedade con grandes edificacións e terras nun pequeno pobo entre as rexións de Suffolk e Essex.
A cobertura legal dáa unha asociación da vivenda (“housing association”) creada pola propia comunidade pra tal fin. O edificio principal ten tres pisos e varias ás, albergando vivendas con diferente tamaño e espacios comúns como a gran cociña-comedor, servicios, duchas, lavandería e salas-salóns pra diversos usos (baile, costura, biblioteca, etc.). Unha das peculiaridades é a capela “desconsagrada”, testemuña da historia ligada ao edificio, onde poder xogar ao bádminton, ao ping-pong ou celebrar eventos como concertos ou teatro. Outras dependencias reconvertíronse en obradoiros de madeira, metal, bicicletas e automóbiles. A maioría das áreas comunais son accesibles en cadeira de rodas. Venden un libro coa historia do edificio e outro coa historia dos primeiros 25 anos da comunidade (comentado ao final).
Sen ter que compartir creencias ou puntos de vista en común, si que comparten en xeral unha preocupación polo medio ambiente e un desexo de vivir un estilo de vida cooperativo, saudable e autosuficiente. Vense a si mesm*s como parte da sociedade, no canto de verse separad*s dela (*s nen*s xeralmente acoden a escolas locais e a maioría da xente está empregada localmente ou nas cidades próximas a tempo parcial, algunha incluso a tempo completo). De vez en cando albergan eventos recadatorios para organizacións benéficas ou outras causas.
Cando os membros se incorporan á comunidade, mercan a través da asociación da vivenda un título correspondente a unha “unidade” (vivenda privada) e unha cota das terras e os recursos comunitarios. O tamaño das unidades varía segundo a necesidade e a cuantía do desembolsado. Unha unidade cun tamaño completo comprende unhas seis habitacións ou aproximadamente o tamaño dunha casa familiar.
Cada unidade convivencial paga unha cota mensual en función do espacio ocupado que cobre os gastos de calefacción, auga e demais. Á parte, cada persoa paga as comidas realizadas ao longo do mes. Como producen a maioría da comida, os custos de vida son baixos. A calefacción é principalmente a base de estufas de leña, téndoa cortada e apilada con dous invernos de antelación (ver foto). Contan con varios sistemas alternativos pra quentar auga, como son quentadores solares e canalización de auga en tubos a un metro baixo terra. No intre da miña estancia estaban co proxecto dunha nova instalación onde combinar distintas enerxías renovables. Hai algúns wc-compost e un deles é tamén ducha solar (ver foto).
En canto ás terras, posúen unhas 28 hectáreas (70 acres), equivalentes a 40 campos de fútbol (haberá que cambiar a medida pola dos devastadores campos de golf...?), cultivadas biolóxicamente. Nelas hai hortas, árbores frutais, outras árbores, pastos, terras de labranza e unha área de céspede e xogos. Entre os cultivos obteñen trigo pra facer pan diariamente, patacas e penso pra os animais non humanos. Entre eles figuran ovellas dunha especie pouco común, vacas leiteiras (ordeñadas a man das que obteñen manteiga, queixo e iogur), porcos, ocas, patos, galiñas, abellas e gatos. Os animais que teñen varían duns anos a outros, dependendo de quen queira encargarse deles. No pasado tiveron tamén ponis, cabras e pavos. Como noutros lugares con gando, non teñen nin admiten cans.
Todo o anterior fai que sexan en gran parte autosuficientes en canto a carne e vexetais, complementándoo coa compra de productos integrais e peixe, entre outros. Aquí dáse unha “estrana” combinación de dietas e de tolerancia entre elas, xa que conviven a omnívora, a ovo-láctea-vexetariana e a vegana (en clara minoría).
Todos os membros asumen o compromiso voluntario, e non controlado, de contribuír cun mínimo de 12-15 horas semanais nas tarefas comunais. O traballo doméstico (cociñar, facer pan, limpar, fregar) faise por rotación e é parte desas horas. Mentres *s estudiantes de Secundaria realizan unha tarefa rotatoria semanal, *s adult*s fan tres. Aínda que algún traballo é feito comunitariamente (como a recollida da colleita de patacas), a xente normalmente toma responsabilidades individuais á súa elección. As decisións acórdanse por consenso na xuntanza semanal. Anualmente elíxese un grupo para xestionar a asociación da vivenda. Ademais, existen subgrupos ao cargo das terras, asuntos domésticos, enerxía ou mantemento dos edificios.
Na coordinación de tanta xente e tarefas, un instrumento básico e moi útil pra a comunicación interna son as pizarras, espalladas pola cociña e pasillos. Algunhas delas serven pra organizar turnos (coidado dos animais, tarefas domésticas...), outras pra indicar a xente coa que se conta pra comer, tipos de dieta, alerxias d*s nen*s, tarefas d*s voluntari*s, posibilidades de compartir coche, eventos a organizar, avisos xerais, etc.
“Convivir cun gran grupo de xente ten as súas alegrías, e as súas dificultades. Non todo o mundo o leva ben todo o tempo e as decisións poden ser frustrantemente difíciles de alcanzar. Sen embargo, en conxunto somos un pouco como unha familia extendida. Ao mesmo tempo, a pesar do número de xente, sempre é posible atopar paz e tranquilidade.”
O proceso para a incorporación de novos membros é similar ao de Redfield ou Canon Frome Court, puidendo levar uns cantos meses de mutuo coñecemento, sendo o máis importante as relacións que se establezan cos/coas residentes e o compromiso cos traballos a realizar na comunidade.
Acollen voluntari*s dende primavera a outono (eu fun o último da tempada), normalmente estudiantes estranxeir*s querendo mellorar o seu nivel de inglés e por un período inicial de dúas semanas. Nas 30 horas semanais realízanse tarefas principalmente nas hortas ou cos animais, o mantemento ou segundo as habilidades que se teñan. Conscientes da soidade parcial d* voluntari* (ás veces traballando só/soa ou nas horas posteriores á cea), acostuman a acollel*s de 2 en 2, co que eu coincidín con dúas voluntarias inglesas (Mariah e Jane, maila filla da última).
Algúns dos eventos que organizan son Nadal, Ano Novo, o cumpreanos da comunidade no verán, campamentos pra nen*s, danzas e pantomimas. O castelán é falado por algunhas persoas, e o portugués de Brasil por unha. Dispón de teléfono público, quedando o acceso a internet limitado ás vivendas privadas.
Nesta comunidade tiven a impresión de que a xente estaba máis mesturada que noutros lugares nos que, por exemplo, as familias eran máis doadamente identificables. Debido a iso e ao gran número de tarefas, comidas e recursos compartidos, quizais foi un dos lugares de Inglaterra –xunto a Redfield- nos que máis tiven a sensación de “comunidade”. Por outro lado, varios membros fundadores continúan vivindo en Old Hall, mentres noutros destinos quedaba un ou ningún polo xeral. Outra característica é o amplo abano de idades, debido tamén ao considerable número de xente. Os días laborables hai menos xente na comunidade, notándose especialmente na comida do mediodía. As fins de semana vén algunha xente que traballa fóra durante o resto da semana.
Tiña lido que en Old Hall había unha atmosfera especial e, deixando a un lado as dificultades idiomáticas e comunicativas que fun arrastrando destino tras destino, si que percibín unha simpatía xeralizada. Tendo asumido que nun lugar así e con tanta xente habería parte dela que nin sequera chegaría a ver ou intercambiar dúas frases, un detalle significativo para min foi que varias persoas presentáronseme por propia iniciativa, cousa que non é habitual nas miñas experiencias e que axuda a integrarte na comunidade.
Entre as cousas que fixen por primeira vez aquí figuran impartir un obradoiro de teatro con xogos e improvisacións (e en inglés...) ou facer a recolleita de tomates e xudías.
A zona na que se ubica é coñecida como os campos ou as terras de Constable, polo pintor John Constable, quen deixou plasmadas en cadros varias das súas paisaxes e enclaves, como o propio Old Hall. Nos arredores hai fermosos lugares onde pasear polos sendeiros ben sinalizados e polas propiedades de National Trust, organización que se encarga de adquirir e preservar espacios naturais.
Un libro recolle a historia da comunidade
No ano 2000 publicaron “The patchwork history of a community growing up” (“Collage da historia do crecemento dunha comunidade”), conxunto de pequenos textos escritos por membros e amig*s presentes e pasad*s de Old Hall, o que aporta distintas visións complementarias. A verdade é que ten pasaxes moi excitantes, como a detallada descrición dos comezos, coa posta en venda da propiedade, buscando membros pra conformar a comunidade e xuntar os cartos, ou a división e o reparto das estancias. Unha das curiosidades son os anuncios por palabras insertados nos xornais de 1973-74: “Cooperativa/comunidade a desenvolver en Suffolk. Non sociedade alternativa. Propiedade vella. Terra agrícola. Persoas interesadas deben estar preparadas pra comprometerse ideolóxica e financeiramente”, ou estoutro “Vida ecolóxica. Establecendo comunidade en Suffolk. Casa moi grande, 50 acres, fermoso entorno. Principalmente socialistas de clase media. Necesítanse uns poucos participantes máis, con capital”.
Moitos aspectos son tratados nel, como o proceso na toma de decisións, as diferencias entre ir de visita e ser membro, o punto de vista d*s nen*s, *s voluntari*s-wwoofers, a casa, a granxa, as tarefas domésticas, os xogos e os eventos. Como detalle curioso, a estimación das cantidades de algúns dos alimentos autoproducidos e consumidos nun ano: 15000 litros de leite, 3400 qg de patacas, 1400 qg de tomates, 1000 leitugas, 2500 porros, 2 toneladas de trigo convertidas en 2400 pans.
BUS: parada propia, dende Manningtree
ESTANCIA: 2 semanas en outubro’06
Membro WWOOF. Aparece en Eurotopia
Enlace a FOTOS
Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 103 Lecturas