Neste texto atoparás, en primeiro lugar, impresións comúns sobre as comunidades inglesas visitadas e, logo, características salientables de Inglaterra.
Comunidades inglesas
Resulta case imposible poder visitar todos os lugares que a priori máis te interesan, polo que a selección final consta dos sitios que te responden, acollen voluntari*s e cadran ben as datas e nunha ruta non demasiado tola. Finalmente, os meus seis destinos ubicáronse no sur (o máis ao norte que estiven foi Coventry), todos contaban con páxina web e o contacto foi mediante correo-e. Á parte do libro Eurotopia, servinme de www.diggersanddreamers.org.uk (completo directorio de comunidades británicas).
A impresión inicial que se foi repetindo ao longo da viaxe foi a dunha integración destes lugares na sociedade maior que noutros territorios visitados. Por exemplo, era a primeira vez que un autobús me deixaba na mesmísima entrada do destino final (cousa que pasou en Redfield, Canon Frome Court e Old Hall), ao igual que foi posible chegar en transporte público a todos (agás a caminata duns 20 minutos en Steward Woodland). Trátase, por tanto, de emprazamentos accesibles e non aillados (practicamente en todos había veciñ*s). Á parte da localización, a sensación desa maior integración, ou dito doutro xeito, a ausencia de sensación de aillamento do resto do mundo, tamén se constataba nas relacións laborais (e non só laborais) co exterior. Boa parte dos seus membros tiñan un emprego a tempo parcial fóra do seu lugar de residencia. No mesmo sentido, nos seis lugares descritos nesta web hai unha serie de actividades ao longo do ano nas que se recibe a xente non residente (cursos, obradoiros, actividades lúdicas, aniversarios, días de portas abertas..., á parte de acoller voluntari*s, claro). En resumo, que pra nada tiven a sensación de estar en sitios ou con xentes “marxinais”, senón en lugares cunhas características minoritarias respecto ao conxunto da sociedade, mais sen sentirse fóra dela.
Outra característica común a todas estas comunidades é a alimentación orgánica ou biolóxica, presente de xeito abrumador, tanto nos productos cultivados nas propias hortas (e animais criados, no seu caso), como nas compras externas. Practicamente, todo o que inxerín nesas 12 semanas foi de producción biolóxica. Tamén foi habitual atoparme con productos de comercio xusto, especialmente te (o tópico é verdade: te a todas horas!) e café.
Algo cada vez máis habitual fóra dos espacios sociais convencionais é o respecto hacia as persoas fumadoras pasivas por decisión consensuada, sen necesidade de ter que chegar a normativas administrativas. Ou sexa, que non estaba permitido fumar nos espacios comúns pechados.
Cando semellaba que ía rematar as andanzas inglesas sen ter que utilizar o saco de durmir, grazas ao último destino púideno sacar da súa funda e darlle un uso máis funcional que o de simple acompañante. Resulta que a norma foi un estupendo edredón nórdico en cada cama, cousa que os ollos curiosos e atentos poderán comprobar nas fotos dos diferentes aloxamentos que tiven.
En canto aos productos de limpeza, eran tamén “ecolóxicos” e biodegradables, incluíndo xel, lavapratos e deterxente de lavadora.
Especialmente nas casas grandes e antigas, e en xeral tamén, había sistemas de detección de fume e/ou gas.
Os horarios xiraban en torno a tres horas de traballo pola mañá (9-12 ou 10-13h. cun descanso-“tea time”), unha comida normalmente lixeira (“lunch”), outras tres horas de traballo pola tarde (14-17h.) e a comida principal ou cea (“dinner-supper”) ás 17-18h.
Inglaterra en xeral
Falando xa doutros aspectos observados en Inglaterra en xeral, destacaría a accesibilidade á información do transporte público, cousa que se agradece un montón descoñecendo o territorio, e agradeceríase igualmente por aquí aínda coñecéndoo. Existen servicios, tanto por web como por teléfono, que proporcionan información imparcial e actualizada sobre os distintos medios de transporte que operan por todo o territorio, co que resulta un servicio centralizador das diferentes empresas de transporte. Total, que non necesitas saber previamente que compañía xestiona tal liña nin te tes que volver tolo pra atopar os horarios. Seguindo co transporte público, en cada parada de bus fóra das cidades podes atopar información completa das liñas que pasan por alí.
Aínda que o billete normal de tren é carísimo, normalmente existe a posibilidade de mercar con certa antelación billetes menos caros a través de internet. Esa ventaxa dase tamén nalgúns traxectos de bus entre as principais cidades, puidendo obter tickets por unhas poucas libras. A ver se no Estado español comeza a facilitarse esta posibilidade e foméntase o uso dos medios públicos menos contaminantes, máis agora coa progresiva imprantación das liñas aéreas de baixo custe (baixo custe económico persoal, enorme custe ambiental global) incluso en voos peninsulares.
En canto aos prezos en xeral, algunhas cousas quedan ao troco, mais a maioría delas saen máis ou bastante máis caras. Foi habitual ver productos coa mesma cantidade numérica no prezo, pero en libras no canto de euros, co que ao troco resultaban un 50% máis caros. É dicir, algo que aquí custa 1€, alí custaría 1 libra, co que ao troco sería ao redor de 1’5€.
Paseando por algunhas cidades entre destino e destino ou en visitas específicas, resultoume bastante patente o alto grao de homoxeneización das rúas principais. Refírome a que as distintas cadeas multinacionais tomaran a meirande parte dos baixos comerciais nesas rúas. Cadeas de cafés, de comida rápida, de comunicacións, de roupa e demais conforman a paisaxe habitual. E non só iso, senón que son as mesmas en todas as cidades: Starbucks Coffee, Caffè Nero, Costa Coffee, Orange, Vodafone, a “nosa” e “querida” Zara, H&M, GAP, McDonald´s, Burger King, Subway, Tesco, HSBC, Abbey-Banco Santander… Isto percibino en todas as cidades que visitei: Coventry, Hereford, London, Oxford e Exeter.
Unha experiencia persoal ilustrativa do anterior ocorreu cando estiven coa miña nai en Londres durante catro días. Debido ás súas frecuentes necesidades persoais e a facer uso dos aseos destas cadeas, comprobei que no caso da cadea de cafés máis extendida en Inglaterra –Starbucks-, practicamente podías atopar un en cada mazá. Nestes establecementos podes atopar algún café de “comercio xusto”, un dos habituais lavados de imaxe das multinacionais. Nunha portada do xornal The Independent (cousa que me sorprendeu positivamente), dábase conta dos intentos do goberno de Etiopía de rexistrar o seu café autóctono (co que conlevaría de protección e desenrolo da producción local) e o boicot por parte de Starbucks coa connivencia da Asociación Nacional de Café de EEUU, segundo denunciaba Oxfam.
En relación a outros medios de prensa, resultaba surrealista contemplar os quioscos ateigados de xornais con portadas e contidos centrados en reclamos sexuais e xente famosa. Patético. Outra sorpresa, máis por telo entre as mans que por ignorar a súa existencia, foron os anuncios e reportaxes inmobiliarios. Os petos podentes, e os non tanto, tiñan ao seu alcance apartamentos e vilas pra segunda ou terceira residencia en sitios tan dispares como o Mediterráneo español, Rumanía ou Dubai. Facendo unha paréntese nesto dos medios, non podo deixar de citar a oficina que o monstro Marina d’Or ten na céntrica Oxford Street londinense, que xunto ao anterior dá boa conta da captación de inversores estranxeir*s e o modelo nada sostible que supoñen estas iniciativas.
Pola contra, e retomando o tema da prensa, disfrutei coa lectura da revista mensual New Internationalist e os seus artigos por unha xustiza global verdadeiramente incisivos e reflexivos. Aí publican unhas das mellores viñetas que teño visto: a serie Big Bad World de Polyp, irónicas, certeiras, explícitas, brutais!
Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 236 Lecturas