Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

COVENTRY PEACE HOUSE

www.covpeacehouse.org.uk
+44 (0) 2476663031 / 2476664616

Esta “Casa da Paz” ubícase a 1’5 qm. do centro de Coventry (West Midlands). Tres persoas desenrolaron entre 1997-98 o proxecto pra establecer unha “fully mutual housing co-operative” como estructura legal pra unha comunidade permanente baseada na non-violencia. Mediante unha hipoteca co banco Triodos e préstamos de amistades, mercaron por 50.000 libras seis pequenas casas de dous pisos que estaban baleiras, a onde se mudaron a comezos de 1999. O xeito de funcionar dunha “cooperativa completamente mutua de vivenda” é que os membros son persoas que viven nela, pagan un aluguer e este amortiza a hipoteca. Non hai propiedade privada particular nin un ente exterior que a controle. Vivindo alí é como se administrases a propiedade, e cando te vas, simplemente vaste.

Durante estes anos foron rehabilitando e conectando as casiñas agás unha, que sirve de base a proxectos de paz. A renovación fíxose con axudas de voluntari*s, entre el*s un proxecto de catro anos con xoves desencantad*s coa escola que se achegaron pra aprender habilidades útiles na construcción e aumentar a súa confianza e autoestima. O resto das casas alberga, entre outras dependencias, habitacións, un obradoiro de bicicletas e unha sala de actividades para a poboación local. Na parte traseira hai un xardín e unha pequena horta. A longa rúa na que se emplaza está chea de xente e tendas de procedencia de Oriente Medio e Asia meridional.

En 2003 creouse unha organización benéfica pra supervisar os proxectos de paz e medioambientais (comercio de armas, guerra e ocupación de Iraq, transxénicos, etc.). En 2004 abriuse o Coventry Cycling Centre, onde se reparan e “reciclan” bicicletas pra vender de segunda man, ou mellor dito de segundos pés. No momento da miña visita John estaba ao seu cargo, facilitándome bicis pra dar paseos pola canle próxima. En 2005 inaugurouse o Espacio Comunitario, utilizado, entre outros, por un grupo de mulleres, outro medioambiental e como refuxio pra solicitantes de asilo. Sobre este refuxio e o libro publicado en xuño de 2006 sobre “a realidade da detención e miseria d*s solicitantes de asilo” falo máis abaixo.

Hai unhas sete habitacións pra residentes e a meirande parte del*s vai variando ao longo do tempo. Prefírese que se teña un traballo a tempo parcial pra poder adicar tamén tempo á vida e tarefas comunais. Nas reunións semanais *s membros-inquilin*s falan das tarefas domésticas, de como aplicar solucións ecolóxicas na casa ou das actividades pra o cambio social como o refuxio nocturno, o fomento da bicicleta ou as diversas campañas nas que se involucran.

Unha muller –Penny- semella ser a alma do proxecto. É destas persoas que non paran, sempre ocupada con mil cousas e, non obstante, preocupada realmente polas visicitudes das vidas das persoas menos favorecidas, aledándose ou entristecéndose cos vaivéns das súas vidas.

A dieta é vexetariana e dispón de acceso a internet e teléfono. É membro de Radical Routes, rede de cooperativas comprometidas por un cambio social, integrada por cooperativas de vivenda de ata 15 membros, cooperativas de traballo e algún centro social.

Debido á pouca información previa que tiña deste sitio, só estiven unha semana, aínda que unha vez alí ben podería terme quedado máis tempo, pero bueno, xa tiña pechadas as datas nos seguintes destinos...

O refuxio nocturno

Dadas as situacións de desamparo ás que se enfrontan *s solicitantes de asilo e a poboación inmigrante en xeral, dende a Coventry Peace House coordínase o intento de cubrir esas necesidades mediante aportacións voluntarias de diverso tipo. Iso concrétase en procurarlles cea e almorzo quentes (normalmente as únicas comidas que inxerirán ao longo do día), e un teito baixo o que durmir en camas pregables. Unha cincuentena de persoas encárgase de atender o refuxio cada noite en turnos de dúas, dando cobixo a unhas 10 persoas na semana da miña visita. Nese refuxio compartín intres e conversas con xentes de África, Irán e Europa oriental.

Os días laborables vaise recoller comida a un templo da comunidade “sikh”, onde a elaboran e ofrecen a quen queira. O único requisito é cumprir coas normas de acceso: descalzarse, lavarse as mans e cubrirse o cabelo cun pano. Este templo conta cunhas considerables infraestructuras e medios. Era a primeira vez que entraba nun sitio así.

O libro

Co título de “I came here for safety” (“Viñen aquí por/buscando seguridade –persoal-”), esta publicación da Coventry Peace House supón un achegamento e profundización actual no sistema británico de asilo. Ese sistema, calificado de inhumano, implica que a maioría da xente que emigra ata alí na procura de seguridade é rexeitada, ás veces encarcerada e eventualmente remata na miseria ou indixencia. O libro está adicado a un home marroquí de 33 anos que se aforcou dunha árbore do xardín do refuxio nocturno. O primeiro capítulo parte das experiencias en primeira persoa da xente sen recursos materiais, para de seguido facer unha análise das razóns polas que *s non afectad*s eleximos ignorar a súa situación. O segundo inclúe unha breve historia das migracións, o motivo d*s refuxiad*s para ir ao Reino Unido, e o racismo e os medos cos que se atopan. O actual sistema de asilo e as causas dos rexeitamentos das solicitudes son explicadas no seguinte capítulo. O cuarto céntrase no proceso da detención, para seguir no quinto capítulo coas situacións de indixencia e as súas consecuencias. O sexto e último propón unha serie de recomendacións para a acción e o cambio.

Persoalmente resultoume unha lectura moi interesante, e moi dura por momentos, principalmente por achegarme de xeito tan preciso a un tema pouco coñecido. O libro aúna dúas visións non sempre vinculadas: amplia documentación e experiencias persoais. Tamén resulta interesante polos prexuízos que pode desmontar en torno a estas persoas e *s inmigrantes en xeral.

O libro (en inglés) pódese descargar integramente dende a súa web.

Coventry

Esta “city” (por contar con catedral, senón sería “town”) foi o berce de boa parte da industria británica do transporte rodado, reconvertida pra fins militares na Segunda Guerra Mundial, motivo polo que foi severamente bombardeada. Diso é testemuña a antiga catedral, da que só quedan os muros exteriores. Ao seu carón ergueuse a nova catedral. Coventry conta tamén cun gran e gratuíto Museo do Transporte, con todo tipo de vehículos antigos e contemporáneos como bicicletas, motocicletas, coches e a historia dos medios utilizados polo Royal Mail (Correos).


TREN / BUS: Coventry

ESTANCIA: 18-25 setembro’06

Aparece en Eurotopia

Enlace a FOTOS

Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 200 Lecturas

Comentarios

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009