Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

CANON FROME COURT COMMUNITY

www.canonfromecourt.org.uk
+44 (0) 8707650711

Esta granxa-comunidade fundouse en 1979 trala adquisición dunha casona de estilo xeorxiano e as terras circundantes no condado de Herefordshire. Nela viven ao redor de 45 persoas (adut*s e menores) de ata uns setenta anos, repartidas en 18 vivendas totalmente equipadas entre o edificio principal e o bloque dos outrora establos. Unha asociación de co-propietari*s da vivenda é a propietaria e xestora da mesma.

A granxa é o foco principal da vida comunitaria, xestionándoa de xeito cooperativo e orgánico-biolóxico tanto como sexa posible. As provisións obtidas inclúen un abano amplísimo de vexetais e froitas (alí coñecín e degustei o ruibarbo, de orixe mongol), así como carne de varios animais (vacas, cabras, ovellas, galiñas) e productos derivados como leite, queixo, iogur, manteiga, ovos ou mel. A gran e totalmente amurallada horta é unha das mellores e completas que teño visto, organizada en pequenas parcelas coidadas individualmente e cun beneficio común. Ademais, as terras de labranza apórtanlles trigo, patacas e penso.

Segundo as súas propias palabras, coidar do gando, producir comida, manter os edificios e as tarefas administrativas e de coordinación conlevan un tempo considerable, enerxía e compromiso de tod*s. Á hora de repartir as tarefas tense en conta se a xente ten empregos a tempo parcial ou completo, ou se ten nen*s ao seu cargo. É un lugar ideal para criar nen*s. Asisten a escolas locais. A xente elixe vivir alí por diversas razóns, xa que hai numerosos beneficios por pertencer a un grupo máis alá da familia inmediata. O traballo conxunto e individual en tarefas comunais é o que “comunidade” significa para el*s, intentando atopar un equilibrio entre o privado e o comunal. O proceso de aceptación de novos membros pode levar varios meses e, unha vez de acordo ambas partes (aspirantes e comunidade), ocuparían o posto doutros membros saíntes. O prezo das vivendas vai variando en función do mercado inmobiliario.

O edificio principal alberga, ademais de vivendas, dependencias comúns como dúas cociñas, dúas habitacións pra convidad*s ou voluntari*s, salón, sala de xuntanzas, comedor e un gran ximnasio froito do seu pasado como escola. Algúns dos espacios anteriores ofrécense para aluguer. Nos exteriores contan con lago e piscina. Moi preto do edificio principal hai unha pequena igrexa e camposanto pertencente á Igrexa de Inglaterra.

A única comida común é a cea do sábado, intre no que algúns membros se atoparán por primeira vez en toda a semana. Por tanto, a dieta depende de cada vivenda, sendo maioritaria a dieta omnívora. Mercan conxuntamente comida biolóxica e productos de comercio xusto, almacenándoos nunha pequena tenda-autoservicio.

As xuntanzas xiran en torno a catro eixos: a asociación que xestiona a propiedade, a cooperativa que xestiona a granxa, a sociedade sen ánimo de lucro encargada do aluguer das salas e da organización de obradoiros e outros eventos, e os asuntos relativos á vida comunitaria. Parte da limpeza e o mantemento é contratado exteriormente.

O traballo d* voluntari* organízase nunha folla, onde os membros que queren vanse apuntando aos diferentes turnos de cada día (dous turnos de tres horas diarios, un día libre semanal). O membro en cuestión será quen che asigne unha tarefa e quen normalmente traballe contigo. Como cada persoa come na súa casa, os membros vanche convidando a xantar ou cear con eles. Senón, tócate facer a comida pola túa conta. Nas dúas semanas que estiven iso só tiven que facelo dúas ou tres veces, compartindo a meirande parte das comidas e tendo a oportunidade de visitar e ver como eran a maioría das vivendas por dentro. Varios membros teñen gatos. Lembro un día que houbo traballo colectivo (recolección da colleita de patacas) no que sentín especialmente o espírito comunitario. Ao chegar facilitóuseme unha fotocopia moi útil cun mapa da propiedade, os nomes dos membros e a súa respectiva ubicación.

Algunha cousa máis que fixen alí por vez primeira foi ordeñar unha cabra e recibir un obradoiro de canto (en inglés, claro). Lembro tamén o ruído infernal dos frecuentes voos baixos de avións militares. Para acceder a teléfono e internet cómpre pedir permiso nas vivendas. Á parte de reciclar os restos de comida para os animais e o compost, dispoñen alí mesmo de servicio de recollida dos contedores de reciclaxe.

Traballaría con algo máis da metade dos membros adultos, sempre agradecidos pola miña colaboración. As horas libres paseinas en boa medida lendo o libro da Coventry Peace House sobre *s refuxiad*s e escoitando música (longa vida a Anari e Lisabö!).

En definitiva, non é dos lugares visitados cun maior grao de vida e recursos compartidos, mais penso que é un bo exemplo de xente xestionando conxuntamente unha gran propiedade e unha granxa completa. Por exemplo, si comparten as lavadoras, mais sorprendeume ver un electrodoméstico pra facer pan e masas nunhas cantas vivendas. No relativo a cuestións ecolóxicas ou de sostenibilidade, apreciei algunha xente con interese en profundizar neses aspectos, mais quizais sen o apoio global da comunidade.


BUS: parada propia, dende Ledbury

ESTANCIA: 25 setembro – 9 outubro’06

Membro WWOOF. Aparece en Eurotopia

Enlace a FOTOS

Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 72 Lecturas

Comentarios

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com