Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

BRAZIERS PARK

www.braziers.org.uk
+44 (0) 01491680221

Braziers Park é unha comunidade, un colexio residencial e un tesouro arquitectónico oculto en Oxfordshire, entre Reading e Oxford. Fundouse en 1950 como unha fundación educacional, sendo todavía un continuo experimento nas ventaxas e os problemas da convivencia grupal. Os membros da comunidade comparten a responsabilidade de xestionar o colexio e o patrimonio.

Unhas 15 persoas entre adolescentes e de máis de 90 anos teñen a súa residencia permanente en Braziers, e algunhas delas traballan aquí a tempo parcial ou completo. Outras traballan sobre todo fóra ou están xubiladas. A comunidade residente é un grupo de xente que vive en Braziers e comparte unha vida común, sen necesidade de subscribir un particular estilo de vida ou crenzas, agás o valor polo individual e a vontade de escoitar e explorar problemas mutuos. Hai poucos anos designouse unha persoa pra ocupar o posto de Dirección, co obxectivo de facer as actividades financeiramente viables.

A “Escola de Investigación Social Integradora Braziers Park” foi fundada en 1950 por Norman Glaister para explorar as dinámicas de xente vivindo en grupos, para desenvolver mellores métodos de comunicación interpersoal e para atopar novas formas de combinar coñecemento para facelo máis significativo. Probablemente a palabra usada hoxe para describir o seu enfoque sería holística. Trátase de ser máis conscientes do proceso do cal somos parte e de facilitar o seu desenvolvemento. Á parte do seu propio programa de aprendizaxe, tamén teñen lugar cursos doutras organizacións, proporcionando unha atmosfera informal, amistosa e de apoio. Carece de ánimo de lucro e está considerada organización benéfica a efectos fiscais.

As técnicas de discusión son o núcleo da investigación, permitindo unha atención grupal sensible con todos os puntos de vista. Integrar ideas inicialmente opostas é un proceso lento, mais unha práctica constante xenera progresiva habilidade para pensar grupalmente de xeito creativo. O seu método divide as xuntanzas en dous: na xuntanza “sensorial” cada persoa fala por turno sobre asuntos relativos á comunidade e os seus membros, ou sobre temas sociais máis amplos, pero sen tomar decisións; estas son alcanzadas na xuntanza “executiva”.

Dende os anos 60 acollen a vari*s voluntari*s simultaneamente, maioritariamente non británic*s, e por períodos normalmente de varios meses. Est*s voluntari*s xunto a parte d*s residentes permanentes conforman o “equipo da casa”. As tarefas diarias repártense nunha xuntanza matinal e inclúen limpar, cociñar, traballar na horta ou na finca, pintar ou decorar, e traballos de mantemento. A xornada semanal é de 35 horas con dous días libres. Alí elaborei por primeira vez zume de mazá cunha prensa manual e fixen a miña primeira tortilla “forneada”.

Tanto o edificio principal como outros adxacentes están catalogados pola súa importancia histórica e arquitectónica, contando con máis de tres séculos de historia. O edificio principal foi remodelado entre finais do s.XVIII e comezos do s.XIX. O residente máis famoso foi Ian Fleming, creador de James Bond. Ten servido de localización para a filmación de series e películas. As sucesivas renovacións foron dándolle o actual efecto de pequeno castelo medieval (ver fotos). Manter un edificio da súa importancia supón unha gran responsabilidade. Calquera traballo ten que ser aprobado pola entidade catalogadora e supervisora do patrimonio nacional (English Heritage), costando as reparacións catro veces máis que nun edificio convencional. Algúns dos outros edificios son utilizados como vivenda, lugar de eventos, almacén e estudio de arte. Outros edificios foron vendidos para poder facer fronte ao custo da instalación de sistemas de alarma antilumes e outras medidas de seguridade. Este proxecto conta con colaborador*s tanto no eido educacional como na conservación dos edificios. Cada verán dase cita un grupo de artistas internacionais.

Nas 20 hectáreas de terreo dispoñen de granxa, pastos e bosque, contando cunha horta biolóxica, árbores frutais, un estanque e o Paseo do Tempo, onde se exemplifica a viaxe do Universo a través do tempo dende o Big Bang ata os nosos días.

A meirande parte do anterior corresponde a traduccións da súa web. En canto ás miñas impresións persoais, lembro que a primeira sensación foi de certa “decadencia”, polo edificio en si e a inmutable decoración interior dende hai quen sabe cantas décadas. Xuntóuseme tamén o cansancio de levar dous meses cambiando de lugar cada dúas semanas, sendo este o meu quinto destino, co que conlevaba de voltar a aprenderme os nomes da xente, o xeito de funcionar do proxecto e a ubicación das cousas, entre outros exemplos. Así que entre a escasa enerxía vital que tiña e a pouca que me transmitía Braziers, non foi unha das mellores experiencias, aínda que tampouco estivo mal. Na despedida a unha voluntaria que levaba varios meses alí foi estupendo ver a emoción do vivido por ela e a pegada que deixaba no resto, xa que eu non estaba sentindo o mesmo. Alí compartín voluntariado con Andrea, Iska, Jose e Katharina. Tamén coincidín dous días con Gan e Kazumi, quen levaban consigo un impresionante dossier sobre o seu interesante proxecto de granxa ecolóxica e centro educacional en Malasia.

Ademais do explicado máis arriba, tamén hai xente que vive nas casas adxacentes sen aparente relación co proxecto. Unha personaxe entrañable e peculiar é Bernie, home de máis de 90 anos coa metade da súa vida residindo en Braziers. Podes atopalo lendo no salón, camiñando co seu andador ou pedindo axuda para que lle abras unha porta ou lle indiques a dirección á súa habitación.

A dieta é omnívora, con predominancia de pratos vexetarianos. Coidan ovellas e galiñas. Dispón de teléfono público e de varios ordenadores con acceso a internet, co que aproveitei para rematar e estrear a versión inglesa desta web. Está ben comunicado: hai buses a Reading e Oxford cada hora.

Xa por último, e ao igual que en 3 dos 6 destinos en Inglaterra, tivemos compaña aérea militar, desta vez en forma de parellas de helicópteros.


BUS: parada próxima (liña Reading-Wallingford-Oxford)
TREN: Goring & Streatley (a 8 qm.)

ESTANCIA: 30 outubro - 13 novembro’06

Enlace a FOTOS

Luns, 01 de Xaneiro de 2007
Por: s_d_xira | Inglaterras | Comentarios (0) | Referencias (0) | 103 Lecturas

Comentarios

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com