Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

LA BORIE NOBLE (Comunidade da Arca)

La Borie Noble – 34650 Roqueredonde
+33 (0) 467440989 / 467588715

Fundada en 1948 por Lanza del Vasto tras o seu encontro con Gandhi, é a comunidade máis antiga das Comunidades da Arca (L´Arche) e nela viven unhas 20 persoas permanentes de todas as idades. Situada nas campiñas do sur francés, na rexión do Languedoc (ao norde de Béziers e oeste de Montpellier), presenta un baixo impacto medioambiental e un alto grao de autosuficiencia.

Os seus principios son os seguintes: traballo interior e busca espiritual; servicio e axuda a outras persoas; elección dunha vida simple; respecto a todo ser vivo; acción pola xustiza e a paz por medios non violentos. Algunhas destas accións foron contra o programa nuclear francés e a tortura e ocupación francesas en Arxelia. Actualmente organizan actividades en torno á xuventude e a non-violencia.

A vida diaria transcorre practicamente sen electricidade, a cal -agás para moer fariña e danzar con música gravada- non se utiliza en dependencias comúns nin habitacións de hóspedes. Seguir un horario acorde coa luz natural e realizar as tarefas diarias con ela fai prescindible a luz artificial. O uso da electricidade para os membros da comunidade nas súas zonas privadas é optativo. Posúen dous coches para reparto de pan e uso colectivo.

Grandes hortas cultivadas a man ou con axuda de cabalos proporcionan boa parte das necesidades nutricionais da comunidade, incluíndo prantacións de cereais. Dunhas oito vacas obtéñense leite, manteiga e queixo para autoconsumo. Elabórase tamén pan para autoconsumo e venda en tendas da rexión de productos ecolóxicos. Especial mención merece o apartado gastronómico, cunha excelente dieta: variada, rica, biolóxica e vexetariana con opción vegana.

Ao longo das horas de traballo, faise soar a campá para tomar unha pausa en silencio e ser conscentes do aquí e o agora. Asimesmo, hai dous rituais diarios, ademais de intres para a meditación persoal. Todos estes intres especiais son opcionais. O ritual matutino, ao comezo da xornada laboral e tralo almorzo, consiste en poñerse en pé, oración, canto, lectura dalgún texto curto (por exemplo, sobre budismo ou de Martin Luther King), saúdo as persoas ao teu carón, para rematar co reparto das tarefas do día e dar avisos ou despedidas. O ritual vespertino, tralo traballo e antes da cea, comeza cun círculo ao redor dunha pequena fogueira, a xente collida da man, oración e canto, despedidas e presentación d*s recén chegad*s.

Os idiomas falados en diferente grao son francés, alemán, inglés, castelán (Silvia)... É o paraíso para *s amantes d*s gat*s: moi agarimos*s, pelud*s e fermos*s. Teléfono público.

O programa semanal de visitas consta de 35 horas de traballo a cambio de aloxamento, manutención e compartir a vida comunitaria.

As miñas impresións, á parte das xa transmitidas, son que se trata dunha comunidade quizais máis espiritual que relixiosa (con orientación ou base cristiá e ecuménica), e cun grao de apertura que moit*s deberiamos aprender. Para unha persoa atea, agnóstica e sen adicación á vida espiritual coma min, resultou unha estancia moi agradable e en ningún intre me sentín coaccionado por non participar en todos os rituais, aínda que si que acudín a maioría das veces por unha mestura de respecto e curiosidade. Dentro da comunidade percibín distintos niveis de ortodoxia no seguemento dos principios fundacionais de Lanza del Vasto. Así, isto era visible na vestidura especial dalgún membro ou nos debates internos en torno ao uso das tecnoloxías.

Moi preto desta ubícase outra Comunidade do Arca: La Flayssiére.

Nota: Existen outras Comunidades do Arca en todo o mundo, e parte delas non dacordo a Lanza del Vasto, senón a Jean Vanier. Estas últimas adícanse á convivencia de persoas “normais” con outras “discapacitadas mentalmente”, cunha base cristiá-católica e ecuménica (aberta a outras confesións).


TREN: Le Cabrils (liña Béziers-Millau)

ESTADÍA: 17-26 maio´06

Aparece en Eurotopia

Enlace a FOTOS

Mércores, 30 de Agosto de 2006
Por: s_d_xira | Francias | Comentarios (0) | Referencias (0) | 104 Lecturas

Comentarios

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com