Laburo España: 250.000 ofertas de empleo
galego castellano english
Utopías pra camiñar
de xira por comunidades e ecoaldeas

CAN PIPIRIMOSCA

www.pipirimosca.com
+34 977606006

Can Pipirimosca é unha mestura de albergue xuvenil, granxa escola, centro cultural e granxa de permacultura. Pertence á familia de Pere, quen en 1998 propuxo facerse cargo dela para comezar un proxecto sen ánimo de lucro. Ademais de Pere como único residente permanente ao longo dos anos, por aí pasan voluntari*s por tempos que van dende uns días ou poucas semanas ata uns cantos meses, podendo residir dende 3 ata 20 persoas, segundo a época do ano e as tarefas a realizar.

Está situada a 2 qm. de Valls e a 20 qm. de Tarragona (Catalunya). Ten unha grande extensión, contando con dúas casas (casa-albergue común e casa-oficina), módulos-escenario, nave-obradoiro, galiñeiro, WC-compost, piscina (sen mantemento), hortas, árbores frutais, piñeiro, zona para cabalos, etc.

A primeira fase consistiu en dotarse dunhas mínimas condicións de habitabilidade, tendo lugar tamén na granxa xuntanzas en torno á música e outras actividades artísticas, así como no eido social. Actualmente, e dende 2003, cóntase coa colaboración de wwoofers, que, xunto a outr*s voluntari*s chegad*s por outras vías, traballan nesta segunda fase actual. Os esforzos, á parte do traballo paralelo na horta, céntranse en ir dotando de infraestructuras axeitadas para poder acoller regularmente grupos (sala de actividades, dormitorios comunais, escenario, cociña, despensa, biblioteca…). Tamén nesta etapa véñense desenrolando xuntanzas periodicamente (campos de traballo e seminarios do Servicio Civil Internacional, rede de granxas ecolóxicas, contacontos, músicos, festas populares, formación de activistas para interposición non violenta en Palestina…). A seguinte fase do proxecto será a consolidación dunha maior autosuficiencia alimentaria e a acollida regular de grupos para a celebración de actividades en diversos ámbitos.

Ademais do anterior, en Pipirimosca podes atoparte cun completo obradoiro de carpintería, instrumentos musicais, materiais de teatro e outras artes escénicas, construcción con neumáticos ou “earthship”, banco de sementes, recuperación de comida de supermercados… O gran proxecto para 2006 é a construcción e primeiros pasos dunha panadería.

Como xa dixen antes, en certo modo a granxa é unha especie de comunidade temporal de voluntari*s, organizada diariamente como un campo de traballo. Cada persoa ten a posibilidade de elexir que facer entre un amplo abano de tarefas, recaíndo os labores de coordinación en Pere e voluntari*s de longo termo. O carácter internacional e multilingüe fai que podas convivir con xente de diversas procedencias (principalmente de toda Europa, EEUU, Canadá e Australia). Tamén se albergan actividades algúns fins de semana reunindo ata 40-50 persoas.

Entre os productos cultivados están calçots (cebolas típicas catalanas) e cabazas. A dieta é basicamente vexetariana. Nas miñas estadías, atopeime con cabalos, cans, gatos, galiñas e ocas. Fálase castelán, catalán, inglés e o que aporte o voluntariado do momento. Acceso a teléfono e internet.


Recuperación de comida en supermercados (ver foto)

Érase unha vez unha xente viaxando sen cartos e comendo a base dos refugallos dos supermercados e outras tendas, que un bo día recala en “Pipiri”. Á chegada pra a miña segunda estancia, atopeime cun sistema imprantado que a cada día que pasaba me ía sorprendendo máis. Así que durante uns meses compartín con outr*s voluntari*s a excitante tarefa de ir recoller o que o Sistema desbotaba. Probablemente, se nunca oíches falar de algo semellante, agora mesmo esteas poñendo cara de certo noxo… Pero segue lendo, que te vas levar unha boa sorpresa…

A tarefa consistía en, a determinada hora da mañá -antes do paso do camión do lixo e non demasiado cedo-, achegarnos coa furgoneta a Valls (ao redor de 20.000 habitantes-consumidor*s) e facer a ruta por unha zoa onde se concentraban 4-5 grandes supermercados. Botabamos unha ollada ao que botaran nos contedores e colliamos o que viamos que poderiamos aproveitar. Así un tras outro, aínda que progresivamente fomos concentrándonos nos dous máis fructíferos. Cun deles chegouse a falar coa persoa responsable e non houbo problema, mais co outro tivemos problemas cos/coas empregad*s e evitabamos que nos visen. Unha vez feita a ruta, de volta á granxa e a comezar co proceso de selección e lavado. De todo os vexetais recuperados, faciamos tres divisións: o que estaba verdadeiramente ben (apto para human*s), o que estaba mal (para o compost) e o resto (pra as ocas). A gran maioría dos alimentos recuperados estaban aínda en perfectas condicións pra ser consumidos, parte nos días seguintes, parte con máis marxe. Ademais de todo tipo de vexetais, tamén nos faciamos regularmente cun montón de iogures con próxima data de caducidade, ademais de comidas precociñadas envasadas. Recuperabamos o suficiente (xunto cos productos da horta) pra 10 persoas, tendo incluso ás veces que desbotar o previamente recuperado porque conseguiamos novos productos.

A i-lóxica do sistema: Unha laranxa que comeza a presentar manchas de moho sela o destino das súas compañeiras de bolsa de varios quilos. Unha mancha ou salpicadura doutra cousa nun alimento –aínda que estea envasado-, segue os mesmos pasos. Plátanos procedentes de Surinam e outras froitas tropicais viaxan miles de qm, co conseguinte prexuízo ambiental, para rematar no lixo. Mercancías en perfectas condicións e con amplia data de caducidade son desbotadas porque novas mercancías chegan ao supermercado e necesitan o seu mesmo espacio. Porque iso é o que son no fondo os alimentos: mercancías. Na cadea de producción perderon o seu valor primario e fundamental (alimentar) pra converterse en mera fonte de beneficio.

Nota pra xente “despistada”: A fame é un problema político. É falso que non existan alimentos suficientes no planeta pra dar de comer a toda a súa poboación. Segundo a ONU, 10 nen*s morren (asasinad*s, engado eu) cada minuto no mundo de fame e malnutrición.


TREN / BUS: Valls

ESTADÍAS: outubro’05-febreiro’06, agosto’04

Membro WWOOF

Enlace a FOTOS


ANEXO: “Obxectivos da asociación ADELA”

A finais de 2005 constitúese, con sede en Can Pipirimosca, a Associació pel Desenvolupament local i Alternatiu (ADELA – Asociación para o Desenvolvemento Local e Alternativo), cos fins seguintes:
1. Promover o desenrolo local e rural mediante actividades que transmitan valores de sostenibilidade, respecto ao medio ambiente, consumo responsable, reciclaxe e agricultura ecolóxica.
2. Planear sistemas eficientes de enerxía, de pequena escala e de baixo consumo enerxético, xunto coa utilización de enerxías renovables e un aproveitamento dos recursos naturais.
3. Contribuír ao mantemento da riqueza natural da àrea sementando árbores frutais de variedades locais e creando un banco de sementes locais, tradicionais e antigas para recuperar, coidar, multiplicar e promover o seu uso.
4. Fomentar a reciclaxe e a reutilización dos recursos a través da recuperación, transformación e uso creativo de restos aínda útiles.
5. Seguir a filosofía da permacultura, baseada na observación dos sistemas naturais, a sabiduría dos sistemas productivos tradicionais e o coñecemento moderno, científico e tecnolóxico, ao mesmo tempo que deseña comunidades humanas sostenibles, tendo en conta o microclima, as prantas, a agua, as necesidades humanas e as relacións que se poden crear entre todos estes elementos.
6. Crear un espacio de intercambio de coñecementos basicamente con cursos prácticos e xuntanzas doutras asociacións, fomentando os valores éticos de cooperación, autosuficiencia, sostenibilidade medioambiental, agricultura ecolóxica e responsabilidade comunitaria, estendendo así os coñecementos de diversas áreas (artes, ecoloxía, voluntariado, cultura de paz, música, artesanía...).
7. Promover a elaboración artesanal de productos básicos (iogur, pan, quéfir...) como base dun estilo de vida autosuficiente.
8. Difundir un estilo de vida rural sostenible mediante a acollida de voluntari@s locais e internacionais.
9. Axudar á integración de persoas de colectivos desfavorecidos ou marxinais.
10. Buscar vías para a cooperación con comunidades desfavorecidas de calquera parte do mundo.
11. Queda excluído todo ánimo de lucro.

Mércores, 30 de Agosto de 2006
Por: s_d_xira | Españas | Comentarios (1) | Referencias (0) | 312 Lecturas

Comentarios

Visita moi recomendable para calquera que se pase pola zona. O clima é moi agradable e multicultural, co que ademáis dun sitio onde pasar uns días e coñecer o proxecto tamén é un bo lugar para coñecer xente e relacionarse con outros mundos.

Pódese ir camiñando ou en bici a Valls, un pobo de considerable tamaño, co que permite certa desconexión cando un o necesite.

E conta cun multifuncións Pere que está a todo :D

Birnarem | 14-12-2006 10:33:29

Comentar


Recordar datos

Búsqueda

Arquivos

Comentarios

Fotos

www.flickr.com
Fotos no flickr de Utopías para Caminar. Fao o teu propio álbum aquí.

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Creative Commons
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.

ecoestadistica.com