Á parte do que cada un/ha entenda por comunidade, nesta web faise referencia a grupos de persoas que consciente e voluntariamente deciden compartir o seu tempo, ideas e valores e, con ese fin, vivir xuntas. De aí o termo de comunidades “intencionais” ou voluntarias. “Unha comunidade é un círculo de xente que se coñece e acepta mutuamente e que se apoia no seu crecemento; xente con confianza mutua que dedica parte da súa enerxía ao grupo en conxunto”. Agora veremos diversos aspectos en torno a estas comunidades.
Nivel de intensidade. Existe un amplísimo abano e formas intermedias: dende as baseadas no concepto de veciñanza ata a clásica comuna. Nunhas síguese priorizando o concepto de familia, mentres noutras este concepto foi disolto tanto en termos espaciais como sociais (cociña compartida, coidado conxunto d*s crí*s, obtención de ingresos en común…). O grao na toma de decisións tamén pode variar dende unhas poucas cuestións prácticas (como nas convencionais comunidades veciñais) ata asuntos como os hábitos alimenticios, o uso ou non de drogas, ou as actividades conxuntas a desenrolar.
Conciencia de grupo e individualidade. As comunidades normalmente están caracterizadas por unha conciencia de grupo, por un concepto non sempre comprensible de quen somos “nós” como grupo. Se todo vai ben, como persoa individual vivindo na comunidade síntome tanto auto-responsable coa miña propia unicidade como parte dun organismo maior que posúe unha forma e identidade exterior coa cal podo identificarme. Trátase de camiñar cara un equilibrio entre a liberdade persoal e a responsabilidade de seu para co resto. Neste proceso cómpre cambiar a visión competitiva das relacións hacia unha visión cooperativa.
A visión de comunidade. Moitas comunidades “intencionais” teñen formulada unha visión común, unha utopía como unha visión ideal doutro mundo ou outro tipo de sociedade. Así, a comunidade ofrece tamén un espacio experimental para modelos de vida alternativos. Moitas delas poderían considerarse como proxectos modelo para modos de vida compatibles no futuro e cos cambios na sociedade. Cada comunidade é única e diferente ás demais. Aínda así, existen certas características xerais: ecoloxía e sostenibilidade; non-violencia; busca da maior autosuficiencia posible; asamblearismo e toma de decisións por consenso; etc.
[extractos de EUROTOPIA]
Martes, 01 de Agosto de 2006
Por: s_d_xira | Varios | Comentarios (0) | Referencias (0) | 233 Lecturas